Tuesday 14 de May de 2024

Fabiola García destaca o liderado de Galicia en participación social na presentación do cupón da ONCE conmemorativo do XX Congreso Estatal de Voluntariado


Resaltou que a solidariedade é un dos elementos que mellor define aos galegos e galegas e que o voluntariado é unha das mellores ferramentas para construír unha sociedade mellor

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé hoxe no liderado de Galicia en materia de participación social durante a presentación do cupón da ONCE conmemorativo do XX Congreso Estatal de Voluntariado, que se celebrará en Ourense os días 28 e 29 deste mes de novembro. Un evento que fará que a nosa comunidade sexa “o epicentro da solidariedade e do altruísmo, é dicir: a capital do voluntariado”, destacou a conselleira.

Neste sentido, Fabiola García apuntou que esta iniciativa da ONCE levará a imaxe do congreso por toda España, o que lle dará a difusión que merece e multiplicará o seu valor. Ademais, resaltou que a solidariedade “é un dos elementos que mellor define aos galegos e galegas”, así como que o voluntariado “é unha das mellores ferramentas para construír unha sociedade mellor”. O cupón coa imaxe do evento correspóndese co sorteo deste xoves.

A conselleira saudou esta iniciativa, posto que para que sexan cada vez máis as persoas que se suban ao tren do voluntariado cómpre que as súas accións teñan a maior difusión posible. Ao respecto, sinalou que “a ONCE é sinónimo de ilusión para todos os españois e esta semana será tamén sinónimo de compromiso, de solidariedade e de voluntariado”.

Na actualidade, Galicia conta con 970 entidades de acción voluntaria nas que participan preto de 42.000 persoas. A nosa é a única comunidade que recoñece de maneira oficial a experiencia en voluntariado a través dun certificado homologado pola Unión Europea que cada vez é tido máis en conta polas empresas nos procesos de selección de persoal.